Sunday 05 de May de 2024

O filme Ons proxectarase no teatro cine Elma


Ao abeiro da axenda cultural configurada para os primeiros meses deste 2022, o teatro cine Elma acollerá a proxección da longametraxe Ons, premiada nos Mestre Mateo do pasado ano. Será no día 6 de febreiro, ás 19.00 horas.

O filme está dirixido por Alfonso Zarauza e conta cun reparto composto por Melania Cruz, Antonio Durán, Xulio Abonjo, Anaël Snoek e Marta Lado. A sinopse expón que dúas das personaxes, Vicente e Mariña, chegan para pasar o verán na illa de Ons: el vén dun accidente e as súas consecuencias psicolóxicas, e a viaxe será un bálsamo para o seu matrimonio. A estancia prolóngase a petición del, e a medida que os días se tornan borrascosos, os segredos gardados comezan a aflorar.

A entrada é de balde e as persoas que desexen asistir deberán efectua-la súa reserva na casa da cultura e xuventude Raquel Fernández Soler ou no teléfono de contacto 981831545.

Ao igual que as demais propostas que conforman a programación, está destinada a maiores de 14 anos. Organiza a Concellaría da Cultura da Pobra do Caramiñal, da cal é titular a edil Patricia Lojo (PSdeG-PSOE), en colaboración coa Rede Cultural da Deputación da Coruña.